Noticias

Noticias y actualidad del Grupo Cuevas

OS PROBLEMAS DE BRASIL E CHINA POÑEN EN XAQUE ÁS EMPRESAS GALEGAS

20 septiembre, 2015

Grupos da talla de Inditex, Ferros Añón ou as conserveiras Jealsa e Calvo realizaron unha forte aposta por estes dous mercados.
Os expertos non descartan un impacto indirecto nas exportacións debido a que a economía galega é máis aberta que a de España.
A relación comercial das empresas galegas con China e Brasil traduciuse no primeiro semestre deste ano en exportacións por valor de 103 e 32 millóns de euros, unhas cifras que supoñen un avance do 31% no primeiro caso e unha caída do 36% no segundo. É evidente que non se trata de socios comerciais prioritarios, pero as 296 compañías que exportan ao xigante asiático e as 169 que o fan á maior economía de Latinoamérica non son alleas aos seus problemas económicos.
Marron Glacé é unha das divisións do ourensán do Grupo Cuevas, un complexo fundado en 1857. A compañía aterrou nos anos 40 en Brasil, onde “comezou a exportación de castaña fresca para fornecer a un colectivo de emigrantes galegos que demandaba moito produto”. Así o explica Maite González, a xerente de Cuevas&Cía, quen estima que entre un 20 e un 25% da facturación xa procede das vendas ao exterior.
Hoxe exportan ao país carioca “crema de marron glacé, puré de castaña e castaña en conserva”. Ao comercializar este “produto gourmet” en tendas especializadas, González constata que Cuevas “non está a percibir unha desaceleración da economía brasileira polo momento”. “Quizais ao non tratarse dun produto de primeira necesidade e ao estar orientado a un segmento específico de mercado cun poder adquisitivo alto mantemos taxas de crecemento sostido”, indica a empresaria.
Froito da falta de seguridade xurídica, a inestabilidade política e a recesión, Marron Glacé perdeu a súa presenza en Venezuela e Arxentina e, en cambio, afiánzase en México, Uruguai, Panamá, Guatemala e República Dominicana. Os países árabes e Asia son outros dos destinos dos produtos da firma ourensá.
Diario de Pontevedra, 20 de setembro de 2015, páxina 37