Xabaril guisado estilo Viana do Bolo
Ingredientes
Racións: 1 persona
- 5 g Aceite de oliva
- 5 g Allo
- 60 g Arroz
- 50 g Cebola
- 140 g Xabaril
- 2 g Manteiga
- 0.5 g Ourego
- 0.5 g Perexil
- 0.5 g Sal
- 20 g Viño branco
- 10 g Viño doce
- 30 g Cenoria
Instruccións
Para que quede saboroso é moi importante adobar a peza de carne polo menos 12 h antes de cociñalo para que macere durante todo ese tempo e penetre ben o sabor. Para o adobo é necesario machucar nun morteiro un bo chorro de aceite, viño, allo moi picado, perexil e ourego fresco, e un chisco de sal. O seguinte paso é selar a peza de carne nunha pota ao lume cun pouco de aceite. A continuación, engadir o viño branco, xenerosamente, e deixar cocer a lume suave durante bastante tempo. Para darlle un sabor especial pódese engadir tamén un chorro de viño doce. O acompañamento ideal para o xabaril son as patacas cociñadas ao gusto.
Esta receita prepárase, como o seu propio nome indica, na bisbarra de Viana do Bolo, situada na zona oriental da provincia de Ourense. A mellor época para preparar este prato é de mediados de outono a finais de inverno, posto que é a tempada de caza do xabaril silvestre. A carne de xabaril caracterízase pola súa dureza e pola súa cor vermella intensa. Trátase dunha carne magra e con gran contido proteico. Destaca o seu elevado contido en ácido oleico que aumenta o chamado colesterol bo (HDL) e reduce o colesterol malo (LDL) en sangue, reducindo así o risco de padecer enfermidades cardiovasculares. Contén case todas as vitaminas, entre as que destacan as vitaminas do grupo B e, en especial a vitamina B3, a vitamina B12 e o folato ou vitamina B9. Estas vitaminas posúen accións antianémicas que regulan o metabolismo e teñen unha acción protectora cardiovascular.