Noticias

Noticias y actualidad del Grupo Cuevas

CUEVAS OBTÉN A CERTIFICACIÓN IFS QUE ACREDITA A MÁXIMA CALIDADE E SEGURIDADE DOS SEUS PRODUTOS

24 Agosto, 2016

A fábrica do Grupo Cuevas acaba de superar as auditorías de International Food Standard (IFS) efectuadas nas súas instalacións. O certificado internacional, recibido pola empresa ourensá, garante e asegura os máis estritos estándares en materia de seguridade e calidade alimentaria nos seus procesos produtivos, que no caso de Cuevas e Cía. se centra nas conservas vexetais e de modo singular na castaña e os seus derivados. O selo IFS, que só se concede tras un exhaustivo proceso de verificación de todos os elementos que interveñen na cadea alimentaria, e que é esixido polas principais firmas de distribución internacionais, permitiralle ao grupo Cuevas acceder a novos mercados e seguir o seu proceso de expansión coas máximas garantías esixidas no sector.
A tamén coñecida como Norma Internacional para os Alimentos (IFS polas súas siglas en inglés) é unha das máis esixentes no seu ámbito, e vela pola seguridade alimentaria co obxectivo de permitir a avaliación da seguridade dos provedores de alimentos e sistemas de calidade, de acordo cun criterio uniforme. Este estándar IFS é de aplicación xeral para toda a cadea de subministración de alimentos con exclusión do sector agrícola.
O distintivo IFS cobre normas comúns de auditoría internacionalmente aceptadas, e dálles unha resposta concreta e firme ás expectativas de alta seguridade dos consumidores. O seu desenvolvemento baséase na crecente demanda dos consumidores, as responsabilidades cada vez maiores de distribuidores e almacenistas, as crecentes esixencias no ámbito legal e a globalización das subministracións de produtos. Todos estes puntos fan que sexa imprescindible o certificado para desenvolver un control de calidade uniforme e estándar na seguridade alimentaria.
Para as empresas do sector alimentario, a adopción de normas de calidade e seguridade alimentaria, e en especial da norma IFS, supoñen importantes beneficios e vantaxes, como facilitar o control de todas as etapas de produción, e asegurar a inocuidade dos alimentos producidos ou envasados. Así mesmo, proporciónanlles aos clientes unha visión panorámica das fortalezas e debilidades dos seus provedores, aseguran unha maior facilidade para a comparación e transparencia ao longo de toda a cadea de subministración, e cara aos consumidores garanten a calidade e a fiabilidade nos produtos
As estritas auditorías IFS outórganlles aos produtos do
grupo Cuevas a máxima seguridade e fiabilidade alimentaria