APRENDER A COCIÑAR NO PROPIO SÚPER
12 Xuño, 2012
Unha iniciativa do IES Vilamarín e o Grupo Covas ensina a elixir produtos e preparar novos pratos mentres se fai a compra no supermercado.
Elixir o corte de carne máis axeitado para un estufado, como combinar ingredientes para obter sabores novos, ou coñecer os mellores sistemas de conservación para os distintos alimentos, serán algunhas das moitas técnicas que se poderán aprender ao mesmo tempo que se fai a compra diaria ou mentres se garda quenda na cola do peixe. Propiciar novos menús cos produtos de sempre con algunha innovación engadida, e aprender a distinguir a madureza conveniente dunha froita, ou a preparación dun peixe segundo para que sexa estarán ao alcance dos que queiran cambiar a súa rutina na alimentación diaria.
Alumnos avanzados de cociña darán as explicacións e ofrecerán os consellos sobre todas as dúbidas que se lle poidan formular aos que teñan interese en explorar novas posibilidades culinarias, ou mellorar os seus coñecementos á hora de elixir, aproveitar e combinar os produtos da súa alimentación diaria.
A iniciativa, auspiciada pola Escola de Hostalaría de Vilamarín e o Grupo Cuevas, desenvolverase experimentalmente durante os martes e venres do mes de xuño en horario de 10:30 a 13:00 no supermercado Aquie da rúa Doutor Fleming (Ourense). Os clientes ademais poderán participar no sorteo diario dun menú para dúas persoas no restaurante do IES Vilamarín.
O proxecto inicia un plan de colaboración entre o IES Vilamarin, que cumpriu en 2012 vinte e cinco anos cunha matrícula próxima aos 300 alumnos, e o Grupo Cuevas, creador da marca Aquíé, un novo concepto de supermercado que foi seleccionado en 2009 como unha das seis propostas máis innovadoras do mundo. A aproximación práctica do ámbito formativo e o mundo empresarial, e a proxección da marca Ourense asociada á alimentación de calidade e a boa mesa son os principais obxectivos cos que xorde esta alianza, que terá continuidade en futuras iniciativas.
Bases concurso