GRUPO CUEVAS TRIPLICARÁ NO POLÍGONO DE SAN CIBRAO AS SÚAS ACTUAIS INSTALACIÓNS DO VINTEÚN
17 Xullo, 2018
As obras do novo complexo empresarial concluirán a finais de 2019.
Artur Yuste: “Cuevas é hoxe, máis ca nunca, un longo camiño de ida”.
”Todo o mundo ten soños, e levantámonos cada día para facelos realidade. Grupo Cuevas tamén ten os seus soños, e hoxe reúnenos aquí un deles”. Con esta afirmación abriu o director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, o simbólico acto de inicio das obras das futuras instalacións da compañía, no Polígono de San Cibrao. O proxecto contempla agrupar o Centro Loxístico e a sede central da empresa sobre unha superficie que case triplica as medidas actuais do Vinteún, e nalgunhas comparativas ata quintuplica os espazos dispoñibles, como é o caso da zona administrativa e de xestión.
Artur Yuste, que afirmou sentirse orgulloso do equipo humano, “dos meus compañeiros e da súa capacidade profesional” e do que “nos seguimos esixindo para a plena igualdade de homes e mulleres”, destacou o continuado crecemento rexistrado ano tras ano polo Grupo Cuevas e a obrigación inaprazable de construír novas instalacións para dar resposta aos novos retos e ás necesidades que xorden, “para consolidarnos como un dos grandes grupos empresariais dentro do difícil mercado da distribución alimentaria galega, e continuar pola senda do crecemento, achegando valor, emprego, traballo, calidade de vida ás persoas e riqueza a Ourense e a Galicia a través de todas as nosas empresas”.
No acto do inicio simbólico, sobre os terreos da Cidade do Transporte, déronse cita distintos representantes empresariais, profesionais e financeiros, que acompañaron a toda a cúpula directiva do Grupo Cuevas. Durante as intervencións, o alcalde de San Cibrao e o presidente da Asociación empresarial, Elías Mera, valoraron e agradeceron a decisión do Grupo Cuevas e a súa aposta polo Polígono.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, pola súa banda, referiuse ao Grupo Cuevas como un dos referentes industriais da provincia de Ourense, tanto polo seu nivel de xeración de emprego, como pola súa implicación no territorio, así como por levar produtos galegos a medio mundo, ademais, “cun produto tan da nosa terra como a castaña”.
Ver imaxe
Ver imaxe 2
Ler nota de prensa completa